A compañía Baobab Teatro seleccionada no programa oficial de FETEN 2013 (Feria Europea de las Artes Escénicas para Niños y Niñas) que se desenvolverá entre o 24 de febreiro e o 1 de marzo en Gijón, Asturias.
O espectáculo Babs, segunda produción teatral de Baobab Teatro, é unha das obras seleccionadas entre os centos de propostas presentadas por compañías de diferentes países europeos. Na cita asturiana, a máis importante de Europa, daranse a coñecer producións de compañías procedentes de 15 comunidades autónomas e 6 países europeos; Bélxica, Gales, Francia, Holanda, Italia e Portugal.
Despois de Fíos, a súa primeira produción, coa que estiveron na XV Feria de Teatro de Castilla- León en Ciudad Rodrigo o pasado verán, BAOBAB TEATRO presentará en FETEN, "Babs", un espectáculo dirixido aos máis cativos da casa, no que Baobab puxo toda a súa creatividade, ilusión e experiencia. En Babs, Andrea Bayer está acompañada en escena por Xurxo Cortázar, actor cunha ampla traxectoria teatral. Andrea e Xurxo levan traballando xuntos desde hai máis de 15 anos, aínda que en todo este tempo realizaron tamén proxectos por separado ou con outras compañías. Daniel Abalo é o encargado da parte técnica do espectáculo e Oscar Ferreira cofundador de Baobab Teatro xunto con Andrea é o encargado de poñer a parte plástica, a escenografía, e comparte a dirección da obra con Andrea.
Agradecemos moitísimo o apoio que recibimos por parte do público que nos vai seguindo polos teatros e auditorios. Grazas a todos, porque sen vós este soño que é o TEATRO non sería posible.